

Estimado/a veciño/a:
Son Sandra Vilela Riveiro e preséntome ante ti como presidenta do Partido Popular de Muxía logo de recibir o unánime respaldo dos meus compañeiros que depositaron en min a súa confianza para encabezar un proxecto que ten un obxectivo claro e irrenunciable: que o noso concello volte a ser referente comarcal e retome o posto que lexítimamente merece logo de máis dunha década pérdida.
As cousas non poden seguir así e, por iso, o noso grupo aposta por un cambio no modelo de facer política que centre a acción do goberno en atender os intereses dos veciños e non en realizar a mesma política sectaria que leva sumindo a Muxía na parálise e no retroceso nestes últimos anos. Non podemos perder máis tempo e o noso equipo é o instrumento idóneo para cambiar esta realidade que vivimos día a día, porque o noso concello necesita unha profunda renovación para ter os servizos, as infraestruturas e a atención que merecedes. De todos é ben sabida a histórica débeda coa auga, o saneamento ou a falla dunha axeitada instalación para a terceira idade pois, por moito que o goberno socialista pretenda vender outra situación, a realidade amosa que detrás das súas promesas non hai nada máis que palabras valeiras.
Por iso, e para levar a cabo este cambio do mellor xeito posible,estamos a traballar para formar candidatura formada por un grupo de persoas de ámbitos moi diferentes, moi preparadas, cheas de ilusión e de responsabilidade e co denominador común de coñecer a fondo as necesidades reais do noso concello, porque para poder dar unha resposta axeitada ás mesmas é preciso ser e sentir Muxía. É tempo de cambiar a mellor e sabemos como facelo, porque somos unha candidatura que representa a experiencia, a renovación e a ilusión para traballar polo noso concello e para o noso concello.
O grupo popular é o aire fresco que necesita o concello para estar cos mozos, cos maiores, coas persoas dependentes, cos profesionais e cos desempregados, porque todos precisan unha atención individualizada das súas particulares demandas. Dende o PP centrarémonos en recuperar e dinamizar o comercio, dotar á poboación dos servizos que merece, ademais de fomentar e promover a cultura, o deporte e as tradicións do noso pobo. Propoñémosche que deposites a túa confianza nunha política nova para unha nova política. Un novo modelo de xestionar o concello: con transparencia e con honestidade, no que o máis importante son os veciños. Por todas estas razóns invítoche a formar deste gran proxecto, que é o proxecto de todos e para todos.
Muxía merece outro futuro e, para acadalo, conto contigo.
Sandra Vilela Riveiro
Presidenta do PP de Muxía