O PP traslada ao presidente da Deputación o malestar pola ampliación da DP - 5201
- Partido Popular de Muxía
- 21 may 2018
- 2 Min. de lectura
“Hai xente que non estaba de acordo porque a ampliación da estrada afecta a varias casas e hórreos que están próximos á vía, mentres que outros non firmaron por considerar que había bens afectados que non se incluían na proposta de indemnización”, apuntou Vilela.
“Sabemos que o proxecto da estrada resulta moi complicado cambialo e que legalmente todo é correcto”, recoñeceu Vilela que, con todo, insta a González Formoso a que apele ao “sentimento de servizo” da Deputación da Coruña e busque unha saída ás queixas dos veciños.
A portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, trasladoulle ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o malestar que existe entre os veciños afectados polas expropiacións realizadas pola institución provincial para levar a cabo o proxecto para a ampliación e mellora do trazado da DP-5201 entre Muxía e Touriñán.
En concreto, a popular explicou que algúns dos afectados decidiron no seu día non asinar os expedientes de expropiación por diferentes causas. “Hai xente que non estaba de acordo porque a ampliación da estrada afecta a varias casas e hórreos que están próximos á vía, mentres que outros non o fixeron por considerar que había bens afectados que non se incluían na proposta de indemnización”, apuntou Vilela.
Así mesmo, a portavoz do Partido Popular de Muxía subliñou que hai outros veciños que, pola súa banda, realizaron a reclamación pertinente, pero asinaron a conformidade coas actas de expropiación e, neste momento, segundo Vilela, atópase nunha situación de “total indefensión”.
Revisar o proxecto
Con todo iso, e sendo conscientes da necesidade de realizar este tipo de procesos para poder mellorar as infraestruturas do municipio, os populares remitiron unha carta ao presidente da Deputación na que solicitan que o executivo provincial revise o expediente deste proxecto para solucionar o problema destas persoas.
“Sabemos que o proxecto da estrada é o que é e resulta moi complicado cambialo”, recoñeceu Vilela, quen, á súa vez, non escondeu que “legalmente tamén todo é correcto”, pero, con todo, desde o Partido Popular instan a González Formoso a que teñan en conta esta situación, apele ao “sentimento de servizo”que debe ter unha institución como é a Deputación da Coruña e trate de buscar unha saída ás queixas dos veciños.
Comentarios