Rodríguez e Vilela preguntan á Autoridade Portuaria polo punto no que se encontra o arranxo
- Partido Popular de Muxía
- 21 nov 2017
- 2 Min. de lectura

“O presidente da Autoridade Portuaria mostrouse moi receptivo e espero que, máis pronto que tarde, teñamos boas noticias”, confirmou Rodríguez
As portavoces do Partido Popular dos municipios de Cee e de Muxía, Zaira Rodríguez e Sandra Vilela, mantiveron esta mañá unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, na que lle trasladaron a súa preocupación polo mal estado de conservación no que se atopa a estrada que permite o acceso ao Faro Touriñán.
As populares, que recolleron as numerosas queixas mostradas polos veciños da zona, aproveitaron o encontro para preguntarlle ao presidente da Autoridade Portuaria o punto no que se atopan os trámites para a execución dun proxecto que permita o arranxo dunha estrada que cualificaron de “fundamental” para a zona.
“Estamos a falar dun asunto que vén de lonxe, que é moi importante para os nosos municipios e que non se acaba de atopar unha solución. Esperemos que esta reunión sirva para darlle un impulso”, explicaron as populares.
Ante esta situación, e conscientes do importante tránsito que soporta esta estrada, debido ao peso turístico que o Faro Touriñán ten na zona,
Rodríguez e Vilela instaron á Autoridade Portuaria a buscar un acordo para que o problema non “caia en saco roto”.
Boa predisposición
“Non podemos quedarnos de brazos cruzados e sen facer nada. Temos un problema nunha zona que recibe moitas visitas semanalmente e hai que solucionalo polo ben de todos os que vivimos nesa zona”, indicou Vilela, quen agradeceu a “boa predisposición” mostrada por Enrique Losada para abordar o asunto.
Neste sentido, a portavoz dos populares de Cee cualificou de “moi positiva” a reunión mantida.
“Estamos convencidas de que con boa vontade seremos capaces de terminar con este problema. O presidente da Autoridade Portuaria mostrouse moi receptivo e espero que, máis pronto que tarde, teñamos boas noticias”, concluíu Rodríguez.
Comments